Museo Museo de las Peregrinaciones y de Santiago
Inventario D-921
Clasificación Genérica Libros relixiosos
Objeto/Documento Libro
Autor/a Voragine, Jacobus de [Santiago de la Vorágine é o nome españolizado do beato Jacopo da Varazze ou Jacopo della Voragine (en latín Jacobus de Voragine) (Varazze,2 1230 - Génova, 1298), hagiógrafo dominico italiano.]
Título Legenda Áurea Sanctorum
Materia/Soporte Pergameo
Madeira
Metal
Coiro
Técnica Manuscrito [Letra típica de Bolonia de finais do s. XIII e principios do s. XIV. Manuscrito realizado por varios amanuenses.]
Dimensiones Altura = 27 cm; Anchura = 18,50 cm
Descripción Exemplar manuscrito, en folio, pergameo, con encadernación posterior (s. XV) en pel sobre táboas de madeira e decorada. O lombo aparece renovado conservando o anterior. Pechos orixinais sobre coiro novo. Exemplar completo. O texto composto en dúas liñas (41-36 regras) en tinta marrón. Unha inicial de cinco regras no folio 1; 182 iniciais de entre 3 e 4 liñas por todo o texto ao comezo da narración de cada un dos santos recollidos con adornos de fío en vermello e azul. Todo o texto aparece rubricado. Frecuentes anotacións marxinais na primeira parte do libro. Trátase dun texto bastante antigo, posiblemente anterior a 1300, como parecen lembrar as características morfotécnicas e como se ve reforzado polo feito de que soamente ten un único texto adicional como é a Ascensión da Virxe.


DESCRICIÓN FÍSICA: 325 f. ; 27 x 18.5 cm
Datación 1300[ca]
Contexto Cultural/Estilo Idade Media
Lugar de Producción/Ceca Bolonia (Bolonia (provincia), Emilia-Romaña)
Uso/función Devocional. Difusión da vida dos santos.
Lugar de Procedencia Bolonia
Clasificación Razonada Este exemplar ten a importancia de estar moi próximo á edición orixinal e moi posiblemente puido ver a luz mesmo en vida do seu autor. O que si parece seguro é que a obra foi realizada na área de influencia do propio autor, formado en Boloña. Aquí tomaría o hábito dominico antes de ser nomeado prior do convento dominico de Xénova, provincial da Lombardía e logo arcebispo da propia sé xenovesa entre 1292 e 1298.
A Legenda Aurea Sanctorum de Jacobus de Voragine foi o texto haxiográfico máis importante desde a Idade Media e continúa séndoo ata os nosos días. O seu contido, que obedece ao título inicialmente dado, Legenda Sanctorum (escritos sobre os santos), xunto cunha linguaxe apta para todos os públicos (o autor utiliza un latín de gran calidade gramatical pero sinxelo e popular) e as múltiples traducións que pronto aparecerán, serán a mellor garantía do gran éxito da obra de Jacobus de Voragine, que constitúe aínda hoxe unha fonte básica de consulta sobre a vida dos santos. A haxiografía de Santiago está na páxina 149.

Escrito por este dominico entre 1263 e 1273, contén as historias de 182 santos ordenadas segundo o ano eclesiástico. Jacobus de Voragine baséase en datos tomados dos evanxeos canónicos, dos apócrifos e de escritos de diversos padres e doutores da Igrexa como san Xerome, san Agustiño ou Gregorio de Tours. Utiliza desta maneira información de gran interese, o que converte a Legenda nunha fonte de referencia obrigada, independentemente de que o autor perseguise máis un fin moralizante e evanxelizador que aterse a unha estrita fidelidade histórica dos datos achegados. A forza de moitos dos relatos contados serán a base para moitos dos modelos iconográficos que se irán forxando ao longo da Baixa Idade Media e da Idade Moderna. Destaca entre eles o relato da vida de Santiago o Maior. Para a elaboración deste serviuse dos escasos datos recollidos nos textos canónicos, nos evanxeos apócrifos, na Passio Iacobi, no Breviarium Apostolorum, e sobre todo, nos datos transmitidos pola tradición popular.
Moitos dos exemplares conservados, tanto manuscritos como impresos, conservan índices máis modernos dispostos por orde cronolóxica de celebración ou mesmo alfabética, sendo habitual a inclusión de novos santos canonizados con posterioridade á primeira edición da obra ou mesmo anteriores pero non compilados polo autor. Na obra agora comentada aparece un índice posterior, coa referencia paxinada, datable entre o XIV ou XV, incluíndo novos santos que non figuran na obra orixinal.
O interese que espertou a obra faría que se realizase un número relativamente elevado de copias manuscritas, das que a máis antiga é a conservada na Biblioteca Estatal de Munich e datada en 1282. O nacemento da imprenta suporá a multiplicación dos exemplares desta obra, conservándose na actualidade máis dun milleiro de incunables e computándose ao redor dunhas 60 edicións entre o último cuarto do século XIV e o 1500. Ademais, pódense contar unhas 30 traducións nas distintas linguas vernáculas. Frecuentemente, conforme vai pasando o tempo, estas edicións impresas ven bastante incrementado o número de santos "biografados", existindo incluso o dobre dos orixinariamente compilados por Jacobus de Voragine. Existen tamén importantes diferencias entre as distintas edicións, con eliminacións e ampliacións dos distintos textos segundo as conveniencias do momento e do lugar no que se levase a cabo a impresión.
Este exemplar ten a importancia, como xa se indicou máis arriba, de estar moi próximo á edición orixinal e moi posiblemente puido ver a luz mesmo en vida do seu autor. O tipo de letra utilizado neste exemplar é o utilizado habitualmente entre os copistas desta rexión entre finais do século XIII e principios do XIV. Este exemplar parece formar parte dun pequeno grupo dos manuscritos máis antigos existentes desta obra e procedente ademais dos dous centros primeiros de distribución: a mesma Xénova e Boloña. No Catálogo Colectivo do Ministerio de Cultura soamente aparecen dous exemplares impresos (incunables) que son o do Museo Massó (Venecia, Christophorus Arnoldis, do 6 de maio de 1479) e o do Convento de San Francisco de Santiago de Compostela (Lión, Perrinus Lathorni. Bonifacius Johannis et Joannes de Villaveteri, do 18 de novembro de 1494).
Forma de Ingreso Depósito por compra. Directa
Fecha de Ingreso 01/08/2008
Catalogación Pérez Outeiriño, Bieito
| más imágenes |
 
 
Subir

© Ministerio de Cultura | v49.0 Accesibilidad | Mapa Web | Créditos | Contacte con Cer.es | Condiciones de uso | NIPO: 551-09-131-6